Comeza a loita polo ascenso
O último domingo de marzo e cando chega o cambio ao horario de verán, comezábamos a primeira das seis finais polo ascenso a Preferente medíndonos ao primeiro rival: o Flavia, de Padrón, que foi terceiro no Grupo A da Primeira Galicia A Costa-Santiago, e a pesar das condicións de bochorno o equipo dirixido por Chus Baleato xogou unha primeira metade moi disputada na que Berto Rial logrou poñernos por diante no minuto 18, definindo á perfección tras un saque de esquina.
Un primeiro tempo que resultou moi aberto, onde o Negreira gozou das mellores ocasións; deu paso a unha segunda metade que resultou máis aberta, co Flavia asumindo máis riscos a sabendas que debía ir a polo empate e nesas, chegou o segundo do Negreira, nunha acción en que Gonzalo Suárez logrou bater de forte disparo dende fora da área a Fonsi, porteiro rival. Apenas levábanse seis minutos da reanudación e vantaxe de 2 a 0 xa facía pensar que podían chegar máis goles como así foi, porque apenas dez minutos despois, de novo Berto Rial faría o terceiro gol, e segundo na súa conta particular antes de terse que retirar mancado tras un man a man co meta visitante.
Salientar que o Flavia tivo a súa mellor oportunidade de marcar nun forte disparo dende fora da área que petou no travesaño da portería de Jose Dacuña e botou xusto pegado a liña, sendo finalmente despexado a córner por Juanjo.
Clasificación
Trala disputa da primeira xornada lideramos empatados a 8 puntos co Unión de Asados, a táboa clasificatoria, pois a Federación Galega de Fútbol outorga cinco puntos aos campións de cada grupo antes de iniciar a fase decisiva da Liga.
Tralos dous primeiros aparece o Cidade de Ribeira CF –o próximo rival da SD-, que venceu 0 a 2 en Baio, e suma 6 puntos, mentres que o Baio – cuarto- queda con 3 puntos, a cinco do Negreira e Unión; e Mazaricos e Flavia teñen 2 puntos cada un, a seis do líder.