O novo Negreira renace en busca da súa identidade

O novo Negreira renace en busca da súa identidade

O novo proxecto da SD Negreira na Primeira Autonómica púxose en marcha o venres 27 de xullo co inicio da pretemporada no campo de Cepelo e coa presenza dunha ducia de xogadores. O cadro de persoal estará dirixido por Julián Ferreiro, que terá como axudante a Carlos Berdullas. Dous homes da casa e bos coñecedores da nova categoría, pois a pasada campaña estiveron á fronte do Dumbría.
De inicio, o obxectivo do club pasa por manterse na nova división e ir saneando a importante débeda que arrastra con provedores, xogadores e técnicos. A nova xunta directiva que preside Álvaro Lira e o corpo técnico traballaron nas últimas semanas para confeccionar un cadro de persoal en tempo récord, debido á grave crise institucional que case leva por diante 54 anos de historia da entidade. O novo proxecto debutou en competición oficial na Copa Deputación da Coruña. O Negreira venceu ao Bastavales (0-3), na seguinte eliminatoria caeu ante o Arzúa por 0-2 na súa estrea no Campo de Cepelo. En canto ao cadro de persoal de xogadores, renovaron un total de seis. Trátase de Rubén Caamaño, Paco Sanín, Anxo Agra, Alberto, José Caamaño e o punta Adrián Rial. As incorporacións son Alberto Fernández, porteiro que chega do Ordes; Diego Bendaña, mediocentro con experiencia en Terceira División, que procede do Noia; David Suárez, punta procedente do Ordes; Uxío Castro, veterano lateral e sobrevivente do ascenso a Segunda B do equipo rojillo, que chega do Flavia; Ander San Juan, lateral que xa xogou no Negreira en Terceira, que chega procedente do Noia; Villa dende o Ordes, Rúa dende o Arzúa así como a incorporación do novo porteiro Mateo Barreiro e o defensa Álex Pérez. A directiva, que quedou oficialmente constituída o pasado mércores, marcouse como primeiro reto a confección dun equipo que poida competir pola permanencia. Ademais, fixo un chamamento para que o maior número de afeccionados se sumen á campaña de captación de socios. Haberá varios tipos de cotas para axudar ao Negreira nesta nova etapa. Os de fidelidade, que poderán achegar 100 euros para axudar ao club; a cota de socio normal, de 60 euros; e o socio protector para negocios, de 150 euros, con dereito a dous carnés, tal e como foi aprobado pola última asemblea celebrada polo club.
 


Síguenos en twitter